lunes, 5 de octubre de 2015

O PP admite agora que o aeródromo de Rozas é empregado para probas militares

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez denuncia as “evidentes mentiras” de Feijóo ao respecto e pregúntase polas razóns últimas destes embustes  





Logo de meses negando evidencias, o Partido Popular admitiu esta mañá que o aeródromo de Rozas, no Concello de Castro de Rei, está a ser empregado para probas con drons de uso militar. Así o recoñeceu o deputado da dereita Jaime Castiñeiras ao amosar o convenio entre a Xunta e o Ministerio de Defensa publicado en maio no Boletín Oficial do Estado (BOE). “Mostra vostede un documento que autoriza o uso para drons civís do aeródromo de Rozas”, explicou o parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez, “pero este mes vimos que alí se probaba o Searcher, un dron militar en procura de certificación para o uso civil. Vostede admíteo e, polo tanto, admite as probas militares no lugar”.
Porque a do uso militar do aeródromo de Rozas é a historia dunha interminábel sucesión de mentiras, enganos e silenciamentos. “No pasado debate sobre o estado da Nación, Feijóo anunciou un investimento de dez millóns de euros en Rozas para a investigación en avións non tripulados de uso civil”, lembrou Vázquez. A partir dese intre, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denunciou e demostrou que o aeródromo da Terra Cha ía ser empregado para probas militares. Primeiro, de desenvolvemento do proxecto Atlante, un dron militar. “Feijóo mentiu xa daquela”, engadiu no debate da proposición non de lei de AGE –no documento anexo.
Pero é que entre agosto e setembro deste ano transcendeu que sobre Rozas estaba a voar un dron modelo Searcher, de fabricación israelí. “É un aparello idéntico ao que emprega o exército de Israel contra o pobo palestino, nun conflito que, non o esquezamos, se cobrou 2.300 vítimas civís en 2014, o 37% causadas por avións non tripulados”, explicou o deputado, “e imaxino que o exército español non merca armas para uso civil”.
Unha vez que quedaron demostradas en sede parlamentaria as continuadas mentiras de Feijóo e o seu partido ao respecto, só fica, en palabras de Ramón Vázquez, solucionar unha cuestión: por que?. “Por que minte Feijóo? Por que a Xunta paga a perimetraxe dunha base militar, un laboratorio e unha torre de control? Que pinta o Goberno galego investindo 45 millóns de euros para captar socios tecnolóxicos canda o exército español? É unha evidencia que a Xunta de Feijóo nos está a mentir. O que falta é saber por qué”.
Momento en que o voceiro do PP recoñece o emprego de Rozas para probas con drones militares

Todos os grupos parlamentarios agás o PP apoiaron a iniciativa de Alternativa Galega de Esquerda que solicitaba transparencia nos acordos, informes, criterios e convenios entre a Xunta e Defensa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario