miércoles, 23 de septiembre de 2015

Fóra os drones militares do espazo aéreo de Lugo

ACE-EU REXISTRARÁ UNHA MOCIÓN CONTRA O EMPREGO DE DRONES MILITARES NO ESPAZO AÉREO DO CONCELLO DE LUGO

Ø  “ACE-EU pide ao goberno local que demande do Goberno do Estado e do galego a inmediata paralización das probas con drones militares en Rozas pola súa afectación ó Concello de Lugo e que solicite á Deputación Provincial de Lugo a retirada da sinatura do convenio de utilización do aeródromo por incumprimento dos fins establecidos para o emprego das instalacións, que lembremos que se asinou sendo Lara Méndez vicepresidenta da institución”, explicou o concelleiro Portomeñe.
Ø   O deputado de AGE Ramón Vázquez apuntou que “o feito de que o espazo aéreo do Concello de Lugo sexa sobrevoado por drones militares como o que se está a probar en Rozas agora mesmo, o Searcher MKII, un modelo de fabricación israelí empregado contra a poboación palestina na franxa de Gaza ou polo propio Exército Español no conflito bélico de Afganistán, compromete a seguridade dos lucenses e dos habitantes doutros concellos limítrofes, pois as bases de avións militares non tripulados son instalacións dun grande valor tecnolóxico, militar e estratéxico, o que as converte en destacados obxectivos militares e terroristas”.

Carlos Portomeñe e Ramón Vázquez en rolda de prensa

Lugo, 22 de setembro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida anunciou esta mañá en rolda de prensa, na que compareceron o deputado de AGE Ramón Vázquez Díaz e o voceiro de ACE-EU Carlos Portomeñe, que presentará unha moción para que o Concello demande explicacións ao Goberno da Xunta de Galicia sobre o tipo de probas realizadas no aeródromo de Rozas, ante a evidencia do emprego do espazo aéreo do Concello de Lugo para o voo de drones militares, ao estar incluído o noso término municipal no listado de servidumes aeronáuticas de dito aeródromo. Na súa moción, “ACE-EU pide ao goberno local que demande do Goberno do Estado e do galego a inmediata paralización das probas con drones militares pola súa afectación ó Concello de Lugo e que solicite á Deputación Provincial de Lugo a retirada da sinatura do convenio de utilización do aeródromo de Rozas por incumprimento dos fins establecidos para o emprego das instalacións, que lembremos que se asinou sendo Lara Méndez vicepresidenta da institución”, explicou o concelleiroPortomeñe.

Nese sentido, o voceiro de ACE-EU salientou que a Xunta mentiu dúas veces á cidadanía. Unha, ao negar o presidente Feijóo calquera vencello coa industria militar co aeródromo de Rozas cando anunciou no propio parlamento un investimento de 10 millóns para adaptar as instalacións e convertelas nunha base para drones de carácter civil, ao que se engaden os 45 millóns de euros anunciados con posterioridade adicados á captación de socios comerciais que participen no desenvolvemento de programas con avións non tripulados. A outra mentira foi a de dicir que este investimento crearía emprego na comarca, cando tanto o Ministerio de Defensa como as empresas participantes nos voos experimentais con drones desprazan o seu propio persoal técnico e auxiliar ata Rozas, polo que non é posible crear novos postos de traballo na zona. De feito, nas recentes probas realizadas co dron militar israelí, o exército desprazou 40 efectivos responsables da realización das mesmas.

Pola súa parte, o parlamentario Ramón Vázquez apuntou que “o feito de que o espazo aéreo do Concello de Lugo sexa sobrevoado por drones militares como o que se está a probar en Rozas agora mesmo, o Searcher MKII, un modelo de fabricación israelí empregado contra a poboación palestina na franxa de Gaza ou polo propio Exército Español no conflito bélico de Afganistán, compromete a seguridade dos lucenses e dos habitantes doutros concellos limítrofes, pois as bases de avións militares non tripulados son instalacións dun grande valor tecnolóxico, militar e estratéxico, o que as converte en destacados obxectivos militares e terroristas”. O deputado de AGE remarcou que “o establecemento dunha base para a experimentación e desenvolvemento de drones no aeródromo de Rozas, debe ser motivo de profunda preocupación para a poboación de toda a Provincia de Lugo, e máis tendo en conta cada un dos acontecementos que se van coñecendo, que confirman os usos militares do mesmo, a contagotas e con grande escurantismo por parte das institucións implicadas”.

O drone Searcher MKII forma parte das catro unidades mercadas polo Exército Español a Israel, un dos principias países exportadores de drons do planeta, que acapara o 60% das vendas. Os drones israelís causaron 2.400 vítimas civís na invasión do ano 2014 en Palestina, dos que 500 eran nenos. “Mesmo trascendeu aos medios que foron utilizados drones israelíes na guerra en Siria, esa mesma que agora provocou a enorme crise humanitaria en Europa pola fuxida masiva da poboación. Os drones militares que permitimos que se proben aquí son os que provocan alí o sufrimento dos refuxiados que queremos acoller. É dun cinismo absoluto mostrar solidariedade cos refuxiados e a un tempo ser cómplice directo da traxedia que están a vivir”, quixo destacar Portomeñe.

ACE-EU tamén propón na súa moción que o goberno local esixa explicacións e clarificacións ao Goberno de Galicia sobre o tipo de probas realizadas no aeródromo de Rozas e dentro das servidumes aeronáuticas do Concello de Lugo, e que solicite directamente ao Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeronáutica (INTA) copia de todas as certificacións necesarias en materia de seguridade para o emprego de drones no espazo aéreo de Lugo, incluíndo as correspondentes da Axencia Estatal de Seguridade Aérea e da Axencia Europea de Seguridade Aérea, como a solicitude de cambio de usos do aeródromo, o rexistro de xestión de riscos para as probas realizadas ata o momento con este tipo de aparellos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario